O 15 de abril Toldos Gómez mais o seu Director Xerente, Esteban Raposo Gómez, protagonizaron unha das páxinas de ‘El Comarcal’, suplemento de ‘La Voz de Galicia’, para falar do crecemento e a demanda de toldos en terrazas e xardíns, tanto para particulares como para hostaleiros.
Afortunadamente, despois do Estado de Alarma e de adaptarse aos novos tempos que nos ocupan, o traballo non falta. Coas novas restricións búscase mellorar as instalacións e a demanda de mobiliario de xardíns non deixa de medrar.
Deseguido, deixámosvos coa reportaxe completa e a entrevista feita por M. Rodríguez a noso Director Xerente Esteban Raposo Gómez.
Medra a instalación de toldos en terrazas e espazos privados
Os particulares buscan acondicionar lugares exteriores de convivencia e os hostaleiros a protección dos seus locais.
Unha das consecuencias de pasar moito tempo en terrazas e xardíns é que estes lugares precisan ser acondicionados con algo máis que unha mesa e catro cadeiras. <<Este era como o que tiñamos pero o meu cuñado esqueceuse de fixalo e veu o vento e levou todo>>. Isto comentaba un comprador nunha tenda de material de xardín sinalando un parasol. Coa experiencia tamén se vai aprendendo.
Do que non hai dúbida é do notable aumento na venda de toldos, mamparas e demais mobiliario para este tipo de espazos. Na maioría dos casos a mellora deses lugares é unha consecuencia da pandemia xa que son moitos os particulares que buscan a maneira de acondicionar na contorna das súas casas lugares de convivencia ao aire libre.
Sen perigo de contaxio
Así, ainda que non teñan un xardín propiamente dito, unha pequena terraza de cemento cunha mesae catro cadeiras xa é mobiliario dabondo para xuntarse a familia, e ata algún veciño, sen perigo de contaxio ou polo menos mantendo as distancias recomendadas. E se estes espazos dispoñen dun toldo, pois axuda a facilitar unha maior comodidade. No caso dos xardíns as opcións que ofrecen os establecementos especializados xa son moitas máis tanto de mobiliario como de decoración.
Os hostaleiros están tamén entre os que na actualidade demandan toldos, mamparas ou faldróns, xa que moitas das melloras que fan nos seus locais para adaptalos á nova normativa pasan pola instalación destes elementos, sobre todo nas terrazas.
A demanda de mobiliario de xardíns sorprendeu inicialmente a algún dono de ferretería, comenta que nos meses do confinamento vendeu <<todo canto tiña: pedían unha pintura e se non había esa cor levaban a que había>>.
Esteban Raposo Gómez: <<A demanda aumentou o 20%>>
<<Andamos a todo meter>>, resume Esteban Raposo Gómez. É o Director Xerente de Toldos Gómez, unha empresa que traballa en toda Galicia e ten unha das súas sedes no polígono de Bergondo. Sobre os toldos dan todo un cursiño no seu activo blog no que contan desde as ofertas que ofrecen aos clientes, ata os tipos de toldos e os complementos dos mesmos, como poden ser os faldróns, elementos verticais que se usan para protexer lateralmente espazos como unha terraza ou unha zona de xardín. Outro contido que chama a atención e é especialmente útil nestes tempos de Covid é a posibilidade de que desde a empresa fagan unha visita virtual ao espazo no que se queira instalar un toldo e elaboren un presuposto para o interesado.
- Quen está instalando toldos ou lonas agora?
- Sobre todo os particulares e a xente da hostalería que aínda que están como están, pois teñen que acondicionar as terrazas para adaptarse a esta nova situación. E os particulares para vivendas e xardíns.
- Notaron un aumento da demanda coa pandemia?
- O aumento é dun 20% sobre o mes de abril do ano pasado. Tivemos un baixón e fixemos un ERTE debido á pandemia pero desde o mes de outubro do ano pasado empezou a subir a demanda. A xente ía pedindo presupostos. O normal era que a finais de marzo empezara a demanda máis forte pero este ano no mes de febreiro xa non dábamos feito. Por isto tivemos que reforzar a plantilla coa incorporación de xente nova e este mes de abril empezaron a traballar varias persoas máis.
- Algún problema para facer fronte a esa demanda?
- Estamos atopándonos con que soben os prezos porque non hai dispoñibilidade da materia prima que precisamos. O aluminio está subindo. A fibra tamén sube e os provedores están retrasando as entregas. Iso aféctanos, aínda que tratamos de manter os prezos.